Friday 03 de May de 2024

Isaac Pérez Vázquez gaña o IX Concurso de Fotografía “Paisaxes de Boqueixón” cunha imaxe dunha gata fronte o Pico Sacro


Doce das sesenta fotografías presentadas a concurso conformarán o calendario de 2024 do Concello de Boqueixón

“Mirador do Pico”, unha fermosa imaxe dunha gata fronte ao Pico Sacro de Isaac Pérez Vázquez, foi a imaxe gañadora da novena edición do Concurso de Fotografía “Paisaxes de Boqueixón”. Un certame que ten como obxectivo fomentar a creatividade e a promoción e posta en valor da riqueza histórica, cultural, etnográfica e paisaxística do municipio.

O xurado do certame, composto por Lorena González Vázquez (Lorena do Merlo Fotografía), Dolores Fernández Iglesias (fotoxornalista de Lindeiros.gal), Carlos Suárez González (xornalista de Nós Comunicación) e Rosario Iglesias Iglesias (técnica municipal de Cultura, con voz e sen voto), elixiron as 3 imaxes gañadoras do certame de acordo a criterios de calidade técnica, composición, impacto visual, mensaxe transmitida, creatividade e dificultade. Nesta ocasión, o Pico Sacro foi o protagonista das tres fotografías premiadas, entre as que apenas houbo 1 punto de distancia entre elas: 36, 35 e 34 puntos.

A proposta de Isaac Pérez foi escollida entre as 60 fotografías presentadas a concurso este ano. Ademais, a súa segunda fotografía, “Punto xeodésico”, obtivo o terceiro posto do certame e a súa terceira imaxe tamén formará parte do calendario 2023 do Concello de Boqueixón, ao obter o sexto posto nas votacións. Completou o podio, David Domínguez Gómez, quen conseguiu o segundo premio cun espectacular “Abrente no cumio do Pico Sacro”. Así mesmo, unha segunda fotografía súa obtivo o sexto posto nas votacións.

Entrega de premios

O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato, fixo entrega dos premios: vales de compra que poderán canxear en calquera establecemento do municipio por un importe de 200, 100 e 50 euros, respectivamente. Esta é a segunda ocasión na que Isaac Pérez gaña este concurso, despois de vencer na edición de 2018 con outra espectacular fotografía do miradoiro do Pico Sacro. No caso de David Domínguez, supera o quinto posto logrado en 2022.

As outras nove imaxes seleccionadas para formar parte do calendario do Concello de Boqueixón 2024 son:
– “Pico Sacro dende o tren”, de Raquel Fachal Santasmarinas. 31 puntos.
– “O solpor”, de Nuria Torres Suárez. 29,5 puntos.
– “Aldeas de Boqueixón”, Isaac Pérez Vázquez. 28 puntos.
– “A silueta do Pico na Néboa”, David Domínguez Gómez. 28 puntos.
– “Manantial sacro”, Luís Pérez Fontela. 26 puntos.
– “Amencer do Pico”, Elisabet López Carvalhais. 25 puntos.
– “Outono en Donas”, Pablo Luengo Delgado. 24,5 puntos.
– “Pico de verán”. Pedro Otero López. 24,5 puntos.
– “Espeleoloxía con papá”. Laura Rey Blanco. 24 puntos.